All posts filed under “Uncategorized

Corazones de gofre de Maria Parr
comment 0

Corazones de gofre: club de lectura Perigosas Criaturas

Recoñezo que o rotundo e unánime éxito da primeira lectura do club de lectura Perigosas Criaturas, Prohibido leer a Lewis Carrol de Diego Arboleda, me preocupaba. Estraño, non? Ai, alcanzar o éxito (glorioso, soberbio, irresistible, clamoroso, desbordante, flamante, tremendo e simpar) é unha arma de dobre fío: e agora que?, ou máis ben, e agora cal? Que outro título podería conquistar o corazón das criaturas máis perigosas e esixentes e o podium dos superlibros? Pois un libro exquisitamente editado por Nórdica Infantil: Corazones de gofre, escrito pola autora norueguesa Maria Parr e ilustrado pola artista polaca Zuzanna  Celej.
O venres 24 de novembro tivemos a nosa segunda reunión e foi entón cando me confesaron que comezaron a ler con certo escepticismo: atraparíalles e faríalles rir tanto como as disparatadas aventuras da institutriz Eugéne Chignon? A dúbida esfumouse na duodécima palabra do libro — Maria Parr non tardou en conquistalo—: tirolina. Tirolina é unha palabra resorte: as Perigosas Criaturas lérona e intuíron que Corazones de gofre non os defraudaría.

Xuntos repasamos os títulos dos vinte capítulos nos que a autora dividiu as aventuras de Theo e Lena e, lembrándoos, as gargalladas retumbaron na, ata aquel momento, apracible librería. Segundo o meu instrumento interno de medir decibeis (anomalía xenética á que saco gran proveito), tres foron os capítulos que máis os divertiron: “Se busca papá”, El puñetazo de Lena e Porrazo en trineo con doble conmoción cerebral y una gallina voladora e outros tres os que os fixeron chorar: Recogida de ovejas y viaje en helicóptero, El día más triste de mi vida e El Incendio. Definiron o libro como unha montaña rusa de emocións —a algunhas criaturas mesmo lles desconcertou: como o mesmo libro pódeche facer rir e chorar e despois volver facer rir? — e se tivesen que explicalo en tres palabras, estas serían: aventura, conmocións cerebrais e amizade.

Maxistralmente, Maria Parr desentrañou o enigma do título nas últimas páxinas, deixando ás esixentes criaturas cun sorriso con sabor, sabor doce, a corazón de gofre. E hai quen acompañou este resaibo literario cunhas tortitas (a falta de verdadeiros gofres da tía avoa).

Portada Corazones de gofre

Portada Corazones de gofre ilustrada por Zuzanna Celej

Corazones de gofre fíxoos reflexionar sobre a diferenza que existe, en termos de liberdade, entre os nenos da súa idade que viven nunha pequena vila mariñeira como Terruño Mathilde (nos fiordos noruegueses) e os que, como eles, viven nunha cidade de 300 mil habitantes como A Coruña. As Perigosas Criaturas identifícanse máis con Theo, a mente serena (como reza a contraportada), pero quererían coñecer a unha Lena, e consideran que, para poder arroxarse a aventuras semellantes, a cidade non é un escenario que as posibilite (ou, polo menos, que as facilite). Eles son máis Theo ou máis Lena —máis libres— cando, no verán, van á vila ou á aldea.

Gustáronlles moito as ilustracións de Zuzanna Celej, sobre todo as de paisaxes —preciosas—, pero queixáronse dos coloretes de dúas ilustracións de Lena: parecéronlles excesivos! As Perigosas Criaturas fíxanse en TODO. Canto envexo a súa capacidade de concentración e retención! Ningún detalle se lles escapa, ningún nome se lles esquece e, mesmo, apréndense de memoria os títulos e a orde dos capítulos. Mentes áxiles!

 

Sen dúbida, este é un libro que recomendarán aos seus amigos e esixirano na biblioteca dos seus colexios, así como dous das voraces criaturas recomendan e esixen a Tania Val de Lume, un libro da mesma autora, con ilustracións da mesma ilustradora e editado pola mesma editorial e, segundo eles, aínda mellor que Corazones de gofre!

—Mellor que Corazones de gofre? Imposible! —e con esta sentenza (e o meu sorriso), acabamos a reunión.

Tania Val de Lumbre

Tania Val de Lumbre

Quen son as Perigosas Criaturas?

Eles son Perigosas Criaturas: teñen entre nove e doce anos e gústalles ler e, o que os fai máis perigosos, saben escoitar, dialogar e valorar as opinións dos demais. O último venres de cada mes, con rigorosa puntualidade, reúnense na preciosa librería de Moito Conto e, sempre entre historias, falan de libros: do libro que compartiron ese mes e de todos os libros albergan e crecen dentro deles, porque, aínda que son baixiños e parecen indefensos, que non vos enganen!, son perigosos e van armados (xeralmente, dun libro e de centos de universos).

Tiven a sorte de que me acepten no seu club e que me permitan sentarme na butaca vermella a escoitalos. Debe de ser porque coñezo a receita para minguar, pero non é a de ningunha beberaxe, como o que encolleu á Alicia de Lewis Carrol; a receita para minguar é moi sólida: un litro de curiosidade, 300 gramos de emoción, medio toro de intensidade, unha cucharadiña de optimismo desgraxado, un ramallete de enerxía fresca, un dente de credulidade e unhas pingas de rebeldía.

Con todo o dito e co que se dirá —e sen ningunha aportación desta suertuda sobreviviente— escribo esta categoría na miña recentemente estreada páxina web: club de lectura Perigosas Criaturas.

Club de lectura Perigosas Criaturas