el estudio de una escritora
comment 0

Donde escriben os monstros

Benvidos á miña oficina: o estudo onde escribo e, ás veces, tamén ilustro (e mesmo xanto, durmo a sesta ou almaceno zapatillas de deporte).

Ademais de oficina, é tamén trasteiro de trastos como unha bicicleta eléctrica sen batería, un asento de furgoneta sen furgoneta, un triciclo evolutivo sen condutor voluntario e unha randeeira Rainforest sen cordas.

A miña mente está tan ordenada que a desorde —chamémolo polo seu verdadeiro nome: maiúsculo caos— non representa unha ameaza á hora de escribir. Ademais da miña mente, o único que escapa á lei da entropía son os meus dous computadores, o de sobremesa e o portátil, e a miña ampla colección de discos duros.

Inmediatamente despois de mudarnos a esta nova casa—e nova oficina—, decidín que o meu novo estudo sería bonito. Comprei flores e unha enredadeira. Colguei cadros e coloquei estratexicamente algunhas fotos. Ademais, investín nunha relucente lámpada de escritorio.

As flores murcharon, a enredadeira secou e os cadros e as fotos nunca alcanzaron o ansiado grao Pinterest. Aínda por riba, a caixa da persiana estaba infestada de insectos negros co inoportuno instinto de enfrontarse á morte na blanca mesa do meu escritorio.

«Está ben!—díxenme— Se o importante é a funcionalidade».

Tirei coas flores, tirei coa enredadeira e comprei unha sufrida alfombra de Ikea onde dorme, mentres eu escribo, Momo, o meu querido (e tamén sufrido) gato imaxinario. O bo dos gatos imaxinarios é que non soltan pelo; o malo dos gatos imaxinarios é que non desprenden calor nin son impredicibles.

O gato Momo dorme aos meus pés e a cadela Lola (as cinzas da miña cadela Lola) dorme baixo a luz do flexo. Como non van aparecer nos meus libros os meus queridos e peludos compañeiros? Pepe é o gato dos veciños de Amabel en O poder de Amabel e o gato serea en Nena e o mar e Lola é a cadela de Maravilla Espiral en Ulises e as Cronoamigas.

Traballo coas persianas case pechadas e a luz do flexo sempre acesa. Este costume enerxeticamente incívico compénsoo lavando menos do requirido o meu uniforme de traballo: a miña sempiterna bata polar. Esta bata polar da marca Massana, agasallo da miña nai, como a maioría de pixamas da mesma marca, úsoa tanto no inverno como no verán. Faga frío ou faga calor, a bata mantén a temperatura adecuada para que o corpo aguante sentado dez horas e a mente voando todo o día.

Onde escriben os monstros de bata polar debería ser o título.

Leave a Reply